Sociedade galega de Educación Ambiental - Páxina principal

  

 
 













Destacados

 A SGEA E A FEG CONVOCAN O I ENCONTRO ECOLOXISTA

  O Ecoloxismo, como movemento social, e a Educación Ambiental, como práctica educativa, comparten en boa medida orixe, traxectoria e obxectivos; tal é así que dende os anos setenta, os grupos ecoloxistas veñen desenvolvendo na nosa comunidade unha importante labor de información e divulgación ambiental, converténdose nuns dos actores máis relevantes na promoción da Educación Ambiental na Galiza.

  Neste marco, nos últimos anos asistimos a varios acontecementos que están a provocar unha mudanza das formas de funcionar e de actuar dos grupos e tamén da súa forma de educar.

  Atendendo a estes acontecementos, dende a Federación Ecoloxista Galega (FEG) e a Sociedade Galega de Educación Ambiental (SGEA) queremos contribuír a reforzar o papel do movemento ecoloxista e a súa relevancia na promoción da Educación Ambiental convocando o I ENCONTRO ECOLOXISTA, que terá lugar o vindeiro 7 de marzo en Santiago de Compostela, no Museo do Pobo Galego (San Domingos de Bonaval).

  Que quere ser o I Encontro Ecoloxista?

  Os grupos e asociacións ecoloxistas levan desenvolvendo numerosas iniciativas en Educación Ambiental, elaborando recursos e materiais dun importante valor educativo. Porén, son escasos os foros nos que os colectivos teñen ocasión de expoñer e compartir conxuntamente a súa experiencia. É por este motivo polo que o primeiro, e quizais máis importante obxectivo deste I Encontro Ecoloxista, é o de servir de punto de encontro entre os grupos para contribuír así á posta en común de experiencias e recursos. Ademais, queremos facer tamén deste encontro un espazo para o debate no que analizar os puntos fortes e febles do movemento ecoloxista en xeral, e a súa relación coa Educación Ambiental, en particular.

  Que queremos facer no I Encontro Ecoloxista?

  O primeiro, como dicíamos, poñer en común as experiencias e os recursos educativo-ambientais empregados polas asociacións ecoloxistas nos últimos anos.

  Ademais, gustaríanos traballar na elaboración dun Plan de Acción para a Educación Ambiental dos grupos ecoloxistas.

  Durante o ano 2007, a SGEA desenvolveu un traballo de análise diagnóstico da situación da Educación Ambiental en Galicia, no marco dun convenio de colaboración coa Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible; neste traballo recompilouse información relativa ás iniciativas de Educación Ambiental desenvolvidas polos os grupos ecoloxistas en Galicia. Esta información será exposta e analizada colectivamente no Encontro, servindo de base para a elaboración deste Plan de Acción.

  Que é o que teñen que facer os grupos participantes?

  De partida, inscribirse... (a través do correo: feg@federacionecoloxista.org.

  En segundo lugar, co fin de facilitar as dinámicas participativas que terán lugar no transcurso do Encontro, teredes a vosa disposición na páxina web da SGEA (www.sgea.org/fenix/) un resumo do diagnóstico elaborado sobre a situación da Educación Ambiental dos grupos ecoloxistas.

  E finalmente, traer os recursos e materiais que consideredes máis interesantes e representativas da Educación Ambiental que desenvolvedes.

  Para calquera dúbida ou consulta que desexedes facer, estamos á vosa disposición en:
Federación Ecoloxista Galega
Quiroga Palacios 8, baixo Santiago de Compostela
981575444                    feg@federacionecoloxista.org

  Sociedade Galega de Educación Ambiental
Travesía de García Prieto, 43, baixo. 15706 Santiago de Compostela
981 523 556 / 618 868 612                sgea@sgea.org

  Recibide un cordial saúdo
Comisión Permanente da FEG e Xunta Directiva da SGEA

 En Santiago de Compostela a 6 de febreiro de 2009

 DESCARGAR PROGRAMA

  (8-02-09)

 
 



Inicio| Acerca de| Contacto| EA Novas| EA Equipamentos| Grupos de traballo| Ligazóns| Documentos| Acceso Socios SGEA


        Sociedade Galega de Educación Ambiental
          SGEA - Sociedade Galega de Educación Ambiental.

          APDO. DE CORREOS 38 BERTAMIRANS- AMES- A CORUÑA
          Tel./Fax 619 484 395 Mail:sgea@sgea.org