Sociedade galega de Educación Ambiental - Páxina principal

  

 
 













 O MAPA DE RECURSOS DE EDUCACIÓN AMBIENTAL EN GALICIA: UNHA FERRAMENTA PARA A PLANIFICACIÓN

curso Nos anos 2007 e 2009, a Sociedade Galega de Educación Ambiental (SGEA), por encargo da Xunta de Galicia, recompilou numerosos datos sobre a situación da Educación Ambiental en Galicia. Este traballo, que denominamos xenericamente como Proxecto Fénix, serviu para elaborar unha fonda diagnose das iniciativas desenvolvidas por Equipamentos e Empresas de Educación Ambiental, Concellos e Colectivos Ecoloxistas.

Unha vez rematado o traballo de diagnóstico e presentados os seus resultados –que podedes consultar en no apartado do Proxecto Fénix–, as conclusións que se poden enunciar coa información dispoñíbel son moitas, tanto no que respecta a cada un dos sectores analizados como aos aspectos xerais que abarcan ás políticas das administracións autonómica e local ou á implicación da cidadanía. Porén, consideramos que sobre todas estas conclusións é posíbel destacar dúas: a escasa visibilización da Educación Ambiental en todos os seus elementos e a falta de planificación nas iniciativas e nas súas características.
Para dar resposta a estas eivas, dende a Dirección Xeral de Sostenibilidade e Paisaxe e a SGEA proponse a elaboración dun MAPA DE RECURSOS DE EDUCACIÓN AMBIENTAL no que integrar información xeográfica, social e educativa.
Consideramos que unha ferramenta coma un mapa de recursos pode contribuír a un mellor coñecemento por parte dos potenciais usuarios dos recursos educativo-ambientais existentes, así como facilitar a planificación e ordenación dos mesmos por parte das administracións competentes.

COMO IMOS DESENVOLVER ESTE TRABALLO?
A idea que vertebra este proxecto, ao igual que xa sucedeu co Proxecto Fénix de Diagnóstico e Actualización da Estratexia Galega de Educación Ambiental, no é outra que a de promover un “proceso de procesos” que abra e consolide espazos e canles de diálogo, colaboración e coordinación permanente entre os distintos sectores e axentes que operan no campo da Educación Ambiental en Galicia.
Con esta directriz, organizamos o traballo a desenvolver nas seguintes etapas:
A. Primeira etapa: cimentos e estrutura (maio 2010 – novembro 2010)
Os recursos son instrumentos ou estratexias de corpo físico, intelectual ou metodolóxico que facilitan a consecución duns obxectivos: a súa función é mediadora. No ámbito da Educación Ambiental deben facilitar a adquisición de coñecementos, de actitudes e de habilidades, así como sensibilizar e máis concienciar ás persoas para que participen na resolución dos problemas ambientais (Óscar Cid, 1997; Óscar Cid e Agustín Cuello, 1996).
Tomando esta definición como referencia e co fin de agrupar os recursos en tipoloxías que, posteriormente, nos permitan traballar a distintas escalas, definíronse as seguintes categorías:

  1. Recursos de Educación Ambiental
    1. Equipamentos de Educación Ambiental: centros de educación non formal que desenvolven programas e actividades de Educación Ambiental como actividade principal, nunhas instalacións fixas (Araceli Serantes, 2007)
    2. Itinerarios educativos e/ou interpretativos: rutas guiadas (cun guía-intérprete ou autoguiadas) que se desenvolven nun entorno determinado (natural, rural, urbano, etc.) e nas que se interpretan ou explican, co apoio dunha serie de medios complementarios, os elementos conformadores dese espazo, as súas características e relacións así como a importacia da conservación dos seus valores naturais e/ou etnográficos (Francisco Guerra, 2000)
    3. Sendeiro: ruta sinalizada que pasa xeralmente por sendas e camiños rurais e/ou contornos naturais destacábeis. Poden ser de gran percorrido (GR), de máis de 50 Km de lonxitude: de pequeno recorrido (PR), de entre 10 e 50 Km.; ou sendeiros locais (SL), de menos de 10 Km.
    4. Iniciativas senlleiras: proxectos, programas ou actividades de Educación Ambiental que pola súa repercusión, orixinalidade, temática ou metodoloxía merezan unha especial atención.
    5. Outras iniciativas: outras iniciativas relacionadas coa Educación Ambiental que non encaixen en ningunha das definicións anteriormente enunciadas.

A recollida de información e a súa posterior tradución mediante un visor cartográfico sobre os recursos educativo-ambientais arriba sinalados sería suficiente para dar resposta á definición de “recurso”, se ben, consideramos tamén necesario incluír outra información no mapa relacionada cos axentes e entidades que empregan e promoven os recursos de Educación Ambiental na nosa comunidade

  1. Axentes e entidades relevantes na promoción da Educación Ambiental en Galicia
    1. Administracións e entidades con competencias en Educación Ambiental: Dirección Xeral de Sostenibilidade e Paisaxe (Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas), Dirección Xeral de Conservación da Natureza (Consellería de Medio Rural), CEIDA, Oficina de Desenvolvemento Sostible da USC, Oficina de Medio Ambiente da UDC, Oficina de Medio Ambiente da UDV
    2. Iniciativas empresariais de Educación Ambiental: Sociedades Limitadas, Cooperativas, Autónomos ou Sociedades Anónimas que teñen como actividade principal a Educación Ambiental.
    3. Colectivos ambientalistas e ecoloxistas: grupo ou asociación formalmente constituída que desenvolve a súa actividade en prol da defensa do medio ambiente e realiza actividades de Educación Ambiental.

Durante os meses de xullo, agosto e setembro, incorporaremos ao mapa de recursos información correspondente ás categorías de recursos definidas, ben sexa empregando os datos recompilados no seu momento para o Proxecto Fénix ou facendo un novo traballo de campo.
Cos datos recompilados, ademais do mapa de recursos propiamente dito, elaborarase un informe descritivo con recomendacións para unha mellor xestión e planificación estratéxica dos recursos de Educación Ambiental en Galicia.

B. Segunda etapa: abrindo o mapa (2011?)
Dende a nosa perspectiva, o mapa de recursos de Educación Ambiental en Galicia ten que ser unha ferramenta dinámica en continuo proceso de cambio, de forma que poida incorporar os novos recursos que xurdan co paso do tempo.
Con este obxectivo, cómpre habilitar os mecanismos de control e seguimento para a incorporación de novas iniciativas e recursos ao mapa; proceso no que consideramos que concellos, colectivos ecoloxistas e iniciativas empresarias en Educación Ambiental van ter un peso moi importante.
A incorporación de nova información ao mapa de recursos vai depender en gran medida de dous factores:

  1. a utilidade que lle vexan á ferramenta os principais actores da Educación Ambiental en Galicia
  2. a facilidade para subir a información

Para dar resposta ao primeiro factor, consideramos necesaria unha presentación pública da ferramenta e unha campaña de divulgación da mesma para que sexa coñecida e valorada da forma que corresponde. Deste xeito, ademais de dar a coñecer o mapa, poderemos “validar” os datos ou corrixir aqueles que non estean correctos.
No que respecta ao segundo factor, haberá que habilitar unha ferramenta informática que simplifique tanto a forma de proporcionar a información por parte dos actores interesados como a recepción da mesma e a súa incorporación ao mapa de recursos; momento no que haberá que ter en conta tamén que entidade ou comisión é a encargada de decidir que recursos son pertinentes ou non de incorporarse ao mapa.

 

 



Inicio| Acerca de| Contacto| EA Novas| EA Equipamentos| Grupos de traballo| Ligazóns| Documentos| Acceso Socios SGEA


        Sociedade Galega de Educación Ambiental
          SGEA - Sociedade Galega de Educación Ambiental.

          APDO. DE CORREOS 38 BERTAMIRANS- AMES- A CORUÑA
          Tel./Fax 619 484 395 Mail:sgea@sgea.org