Sociedade galega de Educación Ambiental - Páxina principal

  

 
 













Destacados

 MENOS CEMENTO E MÁIS EDUCACIÓN AMBIENTAL

 A Sociedade Galega de Educación Ambiental, Amigos da Terra e a Federación Ecoloxista Galega critican a construción de novos centros de educación ambiental, como é o caso do Centro de Interpretación de Parques Naturais de Galicia, en detrimento dos xa existentes, os cales apenas reciben apoio da administración para sacar adiante os seus proxectos educativos.

  Con data de 7 de setembro de 2009 saíu publicada no BOE a aprobación do convenio de colaboración entre o Ministerio de Medio Ambiente, Medio Rural e Mariño e a Comunidade Autónoma de Galicia para a construción do Centro de Interpretación de Parques Naturais de Galicia, centro que terá a súa sede na cidade de Ourense e que custará máis de sete millóns de euros, unha cifra totalmente desproporcionada para unha instalación innecesaria no noso país.

  Na actualidade existen en Galicia máis dun cento de equipamentos de educación ambiental públicos e privados. Porén, o reiterado gasto na construción de macrocentros segue primando sobre os moi necesarios investimentos na xestión, dotación e mantemento dos centros de educación ambiental xa existentes (moitos deles da propia administración autonómica), que son sistematicamente infrautilizados e ignorados e na maioría dos casos desenvolven o seu labor nunhas deficientes condicións de precariedade e falta de recursos e dotacións.

  Os equipamentos de educación ambiental en Galicia levan moitos anos sen ningún tipo de regulamentación e/ou atención por parte das autoridades competentes, desenvolvendo a súa función sen apenas medios materiais e humanos. Por contra, as mesmas administracións que ignoran por completo as necesidades dotacionais, materiais e de recursos humanos dos centros, así como a súa correcta xestión e regulamentación, insisten na construción de novas infraestruturas que, ante a falta de investimento para o seu funcionamento, quedan sen uso ao pouco tempo. Sirva como exemplo o Centro de Interpretación da Natureza das Gándaras de Budiño: construído en 2002, cun custo de 470.000€ financiados na súa maior parte con fondos europeos, non chegou nunca a inaugurarse nin cumpriu a súa función, xa que non foron habilitados fondos para a dotación material nin para a contratación de persoal (na actualidade, o concello do Porriño propuxo a demolición deste centro á vista do seu irremediábel deterioro).

  Consideramos unha incongruencia e unha insultante dilapidación de fondos públicos iniciar novos proxectos de educación ambiental sen garantir e asegurar a súa finalidade e continuidade. Por este motivo, preguntámonos cal será a finalidade real deste próximo centro... Hai realmente un proxecto educativo? Na súa edificación, seguiranse criterios de bioconstrución? Terase en conta a opinión das e dos profesionais en educación ambiental na súa construción e xestión? Ou pasará o mesmo con este gran proxecto que con moitos outros previamente: que se levantará, funcionará un tempo e finalmente rematará sendo outro gran edificio baleiro no que se investiron moitos millóns para nada.

  Dende a SGEA, Amigos da Terra e a FEG queremos denunciar a inutilidade e incoherencia deste tipo de macro-infraestruturas insustentábeis, feitas unicamente con fins electoralistas ou megalomaníacos que para nada buscan artellar unha estratexia realmente eficaz da xestión dos equipamentos galegos de educación ambiental, que deste xeito contribuíse á construción dunha sociedade máis xusta e responsábel para co ambiente.

  Para máis información:

  Para máis información:
Miguel Pardellas (SGEA): 618 86 86 12
Montse Fernández (Amigos da Terra): 988 37 43 18

  (23-09-09)

 
 



Inicio| Acerca de| Contacto| EA Novas| EA Equipamentos| Grupos de traballo| Ligazóns| Documentos| Acceso Socios SGEA


        Sociedade Galega de Educación Ambiental
          SGEA - Sociedade Galega de Educación Ambiental.

          APDO. DE CORREOS 38 BERTAMIRANS- AMES- A CORUÑA
          Tel./Fax 619 484 395 Mail:sgea@sgea.org