A SGEA PRESENTA AS SÚAS ALEGACIÓNS AO PLAN DE ORDENACIÓN DO LITORAL
O POL ignora o papel da Educación Ambiental na planificación e xestión do litora.
30 de novembro - Santiago de Compostela.
A Sociedade Galega de Educación Ambiental (SGEA), como entidade que aspira a representar os intereses e aspiracións dos educadores e educadoras ambientais na nosa comunidade adquiriu, a través dos seus estatutos e principios de funcionamento, o compromiso de crear e manter vías de comunicación e colaboración coas administracións públicas co fin de impulsar a Educación Ambiental e contribuír á construción dunha sociedade máis xusta, respectuosa e responsábel co Medio Ambiente.
Neste contexto, e ante a presentación dun documento estratéxico como é o Plan de Ordenación de Litoral de Galicia (POL), a SGEA fixo chegar á administración responsable –neste caso a Dirección Xeral de Sostenibilidade e Paisaxe–, as correspondentes alegacións, resultantes do traballo colectivo de análise desenvolvido na nosa asociación.
Cómpre destacar que a SGEA non entrou a valorar nin analizar o documento nos seus aspectos técnicos; consideramos que hai outras entidades e colectivos que poderán facelo mellor que nós, polo que centramos o noso esforzo na avaliación dos aspectos relacionados coa Participación, a Comunicación e a Educación Ambiental.
Neste sentido, se ben é certo que nalgúns apartados do plan faise alusión á necesaria posta en marcha de medidas relacionadas coa educación, a divulgación e a formación ambiental, a súa consideración e o seu carácter puntual e xenérico no conxunto do documento fai pensar na Educación Ambiental coma un elemento secundario.
Así mesmo, a ausencia dunha diagnose sobre os recursos e as iniciativas educativas desenvolvidas no ámbito costeiro restan rigorosidade ao documento: se non se coñece si se están a desenvolver campañas educativas, si se descoñece a presenza de recursos educativos que poidan ser de utilidade, ou si non se identifican os actores e mediadores que están a desenvolver a súa labor na protección e xestión da costa, dificilmente poderemos facer unha correcta ordenación do litoral.
O desenvolvemento de procesos estratéxicos de planificación no eido ambiental esixe a posta en marcha de procesos paralelos e simultáneos que, directa ou indirectamente, faciliten e contribúan, tanto á elaboración de documentos como a súa aplicación. A pretensión do POL de converterse nun referente para a ordenación efectiva do litoral galego non será acadada se non se poñen en marcha procesos participativos coas comunidades afectadas que favorezan a interiorización e comprensión real do documento e as súas directrices; procesos participativos que precisan, a súa vez, de campañas de Educación Ambiental que promovan a participación e comprensión dos conceptos tratados.
A Educación Ambiental ten que ser unha ferramenta para a planificación, a xestión e a ordenación do litoral, isto é, unha ferramenta para a transformación social e espacial da sociedade galega, non un elemento secundario sen peso nin relevancia.
Alegacións presentadas ao Plan de Ordenación do Litoral
Para máis información:
Miguel Pardellas (SGEA): 618 86 86 12