Sociedade galega de Educación Ambiental - Páxina principal

  

 
 













Destacados

 

A SGEA PRESENTA AS SÚAS ACHEGAS ÁS DIRECTRICES DE ORDENACIÓN DO TERRITORIO

 

A Sociedade Galega de Educación Ambiental (SGEA), como entidade que aspira a representar os intereses e aspiracións dos educadores e educadoras ambientais na nosa comunidade adquiriu, a través dos seus estatutos e principios de funcionamento, o compromiso de crear e manter vías de comunicación e colaboración coas administracións públicas co fin de impulsar a Educación Ambiental e contribuír á construción dunha sociedade máis xusta, respectuosa e responsábel co Medio Ambiente.
Neste contexto, e ante a presentación dun documento estratéxico como as Directrices de Ordenación do Territorio (DOT) a SGEA quere facer chegar á administración responsable –neste caso a Dirección Xeral de Sostenibilidade e Paisaxe–, as achegas que se recollen neste documento, resultante do traballo colectivo de análise desenvolvido na nosa asociación.
Cómpre destacar que a SGEA non vai a entrar a valorar nin analizar o documento nos seus aspectos técnicos; consideramos que hai outras entidades e colectivos que poderán facelo mellor que nós, polo que centraremos o noso esforzo na avaliación dos aspectos relacionados coa Participación, a Comunicación e a Educación Ambiental.

Achegas xerais:
Como comentario xeral temos que volver a insistir na necesidade de incorporar á Educación Ambiental como unha ferramenta para o desenvolvemento das Políticas Ambientais, aspectos non recollido (ou moi tanxencialmente) nas DOT.

Achegas específicas:
CAPÍTULO 2. O SISTEMA DE ASENTAMENTOS E AS INFRAESTRUTURAS BÁSICAS
Hai que saudar gratamente a presenza da Educación Ambiental en varios apartados relacionados coas zonas verdes, espazos protexidos e litoral no entorno das rexións urbanas e outros asentamentos, porén, preguntámonos por que sigue ligada tan exclusivamente a Educación Ambiental á conservación de espazos naturais?
A Educación Ambiental é un elemento necesario nas estratexias de ordenación e conservación dos espazos protexidos mais tamén é igual de necesaria noutras estratexias como o ordenamento urbanístico, as infraestruturas e a mobilidade, o ciclo hídrico, as estratexias enerxéticas, a xestión de residuos, as actividades económicas ou os espazos para a innovación.
En calquera caso, e sobre a presenza e actuación da Educación Ambiental nos sistemas verdes das rexións urbanas cómpre desenvolver estratexias educativas acordes ás necesidades de cada zona pero cunha visión xeral do conxunto do territorio, tal e como propoñen as DOT. Hai que artellar e poñer en marcha, cos recursos que sexan necesarios, un programa de Participación, Comunicación e Educación Ambiental para os espazos protexidos galegos e o denominado nas DOT como sistema verde da Rexión Urbana.
Esta estratexia terá que estar en consonancia co documento marco da xestión dos espazos protexidos galegos, actualmente en proceso de elaboración por parte da Dirección Xeral de Conservación da Natureza da Consellería de Medio Rural.
Así mesmo, tal e como inciden as DOT, cómpre facer especial fincapé no litoral, onde, en consonancia co POL, sería recomendable artellar un programa educativo que, ademais de insistir na ordenación, puidese servir de guía para a posta en valor e aproveitamento educativo-ambiental da senda dos Faros (pp. 175), por exemplo.
Por último, non podemos pasar por alto un aspecto puntual que aparece no Apartado 2.2.5 O sistema verde da Rexión Urbana, enunciado na páxina 101, sobre a localización de equipamentos:
“Nos ámbitos que, polas súas características, poidan ser compatibles co lecer é preciso localizar equipamentos (centros de interpretación, control de visitas guiadas...) que permitan unha conservación máis eficaz destes espazos, á vez que cumprir coa función educativa. [...]”
Existe en Galicia máis de 150 centros que actualmente poderían desenvolver este cometido. Dende a SGEA, en función dos datos recompilados a través do Proxecto Fénix, e tamén con outros datos resultantes doutros estudos (Araceli Serantes 2004 e 2007; estudo inédito de profesionalización nos EqEA, 2009), podemos concluír que a oferta de Equipamentos é máis que dabondo; existen e, na meirande parte dos casos, contan con persoal especializado e competente. Cómpre dotar de recursos humanos e materiais aos equipamentos existentes en lugar de construír novas infraestruturas.

CAPÍTULO 3. O PATRIMONIO NATURAL, CULTURAL E PAISAXÍSTICO
Outra vez temos que insistir na necesidade de incluír como ferramentas para a implementación das propostas das DOT a posta en marcha de programas de Educación Ambiental que contribúan ao impulso e consolidación dos procesos participativos que se poñan en marcha.
A Educación Ambiental non pode ser unha ferramenta condutista para a conservación dos espazos naturais, ten que ser unha ferramenta construtiva que, ademais de proporcionar a información necesaria para a toma de decisións, impulse e facilite os procesos participativos necesarios para a aplicación das DOT.
Neste sentido, propomos para a inclusión como obxectivo prioritario das DOT ao respecto do medio natural a promoción de estratexias educativo-ambientais que contribúan a posta en marcha dos procesos de participación ambiental necesarios para a ordenación e conservación do medio natural.
As Áreas estratéxicas de conservación e os corredores ecolóxicos (apartado 3.1.3) poden ser os espazos físicos que sirvan de plataformas para o desenvolvemento dos programas de Educación Ambiental, elaborándose un documento estratéxico específico para as mesmas en consonancia, repetimos, co elaborado pola Dirección Xeral de Conservación, onde ocio, conservación e educación vaian da man.

 

CAPÍTULO 4. DETERMINACIÓNS
Coa aspiración de integrar á Educación Ambiental na definición dun modelo territorial sostible para Galicia, propoñemos a inclusión das seguintes determinacións:

  1. Apartado 1. Obxectivos xerais e estrutura básica do modelo territorial.

Proposta: incluír entre as Determinacións excluíntes (pp. 246-249) do modelo territorial “Contribuír á educación socioambiental da sociedade galega mediante programas específicos de Educación Ambiental”.

  1. Apartado 2. O sistema de asentamentos.

Proposta: incluír como Determinación orientativa nos subapartados correspondentes ao sistema de cidades (2.1), aos nodos do sistema urbano intermedio (2.2), aos nodos para o equilibrio do territorio (2.3) e aos núcleos principais dos restantes concellos e parroquias rurais “Habilitar programas de Educación e Participación Ambiental para o desenvolvemento e aplicación das políticas ambientais”.

  1. Apartado 3. Desenvolvemento e Ordenación dos asentamentos, das áreas empresariais e das actividades produtivas

Proposta: incluír como Determinación excluínte no subapartado 3.1 correspondente ás determinacións para o desenvolvemento e ordenación dos asentamentos “Os instrumentos de ordenación do territorio e de planeamento urbanístico deberán conter medidas específicas de Educación Ambiental para a súa correcta implementación”.

  1. Apartado 4. As infraestruturas e os vectores ambientais do modelo territorial

Proposta: incluír como Determinación excluínte nos subapartados correspondentes ás estradas (4.1), ás infraestruturas ferroviarias (4.2), ás infraestruturas aeroportuarias (4.3), ás infraestruturas porturarias (4.4), ás infraestruturas de comunicacións (4.5), ás infraestruturas de xeración e abastecemento enerxético (4.6), ao ciclo integral da auga (4.7) e á xestión de residuos (4.8) “Artellar programas de Educación e Participación Ambiental ligados á promoción da mobilidade sostible / o gasto enerxético / a nova cultura da auga / e a redución de residuos”

  1. Apartado 5. Os Equipamentos supramunicipais

Proposta: incluír como Determinación orientativa (5.4) a “Contribuír á axeitada dotación de recursos humanos e materias dos Equipamentos existentes co fin de evitar a construción de novas infraestruturas”.

  1. Apartado 6. O litoral

Proposta: incluír como Determinación orientativa a “Elaboración dun programa de Educación e Comunicación Ambiental para a divulgación e aproveitamento educativo da rede de itinerarios costeiros”.

  1. Apartado 7. O Patrimonio Natural

Proposta: incluír como Determinación excluínte no apartado 7.1 de Determinacións de carácter xeral, a “Elaboración dun programa de Comunicación, Educación e Participación Ambiental, en consonancia co documento marco da xestión dos espazos protexidos galegos, para a divulgación, conservación e aproveitamento educativo dos espazos protexidos galegos, as áreas estratéxicas de conservación e os corredores ecolóxicos”.

 

Sociedade Galega de Educación Ambiental
Agosto 2010

  Para máis información:
Miguel Pardellas (SGEA): 618 86 86 12

 
 



Inicio| Acerca de| Contacto| EA Novas| EA Equipamentos| Grupos de traballo| Ligazóns| Documentos| Acceso Socios SGEA


        Sociedade Galega de Educación Ambiental
          SGEA - Sociedade Galega de Educación Ambiental.

          APDO. DE CORREOS 38 BERTAMIRANS- AMES- A CORUÑA
          Tel./Fax 619 484 395 Mail:sgea@sgea.org