Sociedade galega de Educación Ambiental - Páxina principal

  

 
 













Destacados

 COMEZA O TRABALLO PARA A ELABORACIÓN DO MAPA DE RECURSOS DE EDUCACIÓN AMBIENTAL EN GALICIA

 A SGEA desenvolverá este proxecto para dar unha maior visibilidade ao importante potencial galego en Educación Ambiental

 Santiago de Compostela, 19 de xullo.- Nos anos 2007 e 2009, a Sociedade Galega de Educación Ambiental (SGEA), por encargo da Xunta de Galicia, recompilou numerosos datos sobre a situación da Educación Ambiental en Galicia. Este traballo, que denominamos xenericamente como Proxecto Fénix, serviu para elaborar unha fonda diagnose das iniciativas desenvolvidas por Equipamentos e Empresas de Educación Ambiental, Concellos e Colectivos Ecoloxistas. Traballo que non podería terse realizado sen a vosa colaboración.

 Unha vez rematado o traballo de diagnóstico e presentados os seus resultados –que podedes consultar en www.sgea.org/fenix–, son moitas as conclusións que se poden enunciar coa información dispoñíbel, tanto no que respecta a cada un dos sectores analizados como aos aspectos xerais que abarcan ás políticas das administracións autonómica e local ou á implicación da cidadanía. Porén, consideramos que sobre todas estas conclusións é posíbel destacar dúas: a escasa visibilización da Educación Ambiental en todos os seus elementos e a falta de planificación nas iniciativas e nas súas características.

 Para dar resposta ás eivas identificadas, dende a SGEA propúxose á Dirección Xeral de Sostenibilidade e Paisaxe, no marco doutros proxectos presentados, a elaboración dun Mapa de Recursos de Educación Ambiental no que integrar información xeográfica, social e educativa.

 Os recursos son instrumentos ou estratexias de corpo físico, intelectual ou metodolóxico que facilitan a consecución duns obxectivos: a súa función é mediadora. No ámbito da Educación Ambiental deben facilitar a adquisición de coñecementos, de actitudes e de habilidades, así como sensibilizar e máis concienciar ás persoas para que participen na resolución dos problemas ambientais (Óscar Cid, 1997; Óscar Cid e Agustín Cuello, 1996).

 Consideramos que unha ferramenta coma un mapa de recursos pode contribuír a un mellor coñecemento por parte dos potenciais usuarios dos recursos educativo-ambientais existentes, así como facilitar a planificación e ordenación dos mesmos por parte das administracións competentes.

 Unha vez que a información estea incorporada ao Mapa de Recursos, este abrirase ao conxunto da cidadanía co fin de servir de plataforma para o coñecemento e divulgación dos recursos de Educación Ambiental existentes na nosa comunidade.

  Para máis información:
Miguel Pardellas (SGEA): 618 86 86 12

  (24-07-10)

 
 



Inicio| Acerca de| Contacto| EA Novas| EA Equipamentos| Grupos de traballo| Ligazóns| Documentos| Acceso Socios SGEA


        Sociedade Galega de Educación Ambiental
          SGEA - Sociedade Galega de Educación Ambiental.

          APDO. DE CORREOS 38 BERTAMIRANS- AMES- A CORUÑA
          Tel./Fax 619 484 395 Mail:sgea@sgea.org