Sociedade galega de Educación Ambiental - Páxina principal

  

 
 













Destacados

 O DÍA DO MEDIO AMBIENTE: UNHA XORNADA PARA VESTIRSE DE VERDE?

 Un ano máis as distintas administracións gastarán vergoñentas cantidades de diñeiro en actividades puntuais sen ningún tipo de repercusión, nin máis utilidade que a de amosar unha falsa imaxe verde.

 Dende 1973, o 5 de xuño de cada ano celébrase o Día Mundial do Medio Ambiente; unha data sinalada no calendario de concellos, consellerías de medio ambiente e ministerios de todos os medios para organizar actividades divulgativas co suposto obxectivo de sensibilizar á poboación fronte aos problemas medioambientais.

 Un ano máis, estas actividades convocarán a inxentes cantidades de escolares, suporán un desembolso puntual desproporcionado e servirán unicamente para sacar unhas cantas fotos e repartir gorras, mochilas, camisetas ou globos que, só cun pouco de sorte, estarán feitos con materiais reciclados.

 Dende a Sociedade Galega de Educación Ambiental (SGEA) queremos chamar a atención sobre o despilfarro e a inutilidade deste tipo de iniciativas.

 Despilfarro porque, nestes tempos de crise, o ámbito da Educación Ambiental non fai máis que sufrir recortes por parte de todas as administracións: os fondos que anteriormente estaban destinados á sensibilización e educación do conxunto da poboación –e non só a escolares– foron os primeiros en desaparecer; porén, ante a posibilidade de quedar ben e poder sacarse unha foto rodeado de nenos e nenas, ningún cargo público parece ter reparos no gasto.

 Inutilidade porque a realización dunha actividade dunhas horas, sen traballo previo nin posterior, non pode facer milagres, e moito menos servir de cortiña de fume para a inhibición maioritaria das administracións o resto do ano: promoción do transporte individual coa construción de estradas e autoestradas, permisividade coa urbanización irracional do territorio, pésima xestión das augas e os residuos, despilfarro enerxético, etc.

 O deterioro ambiental planetario e o deterioro ambiental de Galicia precisan dunha acción conxunta das administracións e a sociedade civil en prol dunha sociedade máis xusta en responsábel co medio ambiente. Deixemos de malgastar recursos en actos para a galería e traballemos na elaboración de programas, recursos e estratexias ambiciosas e participativas, enfocadas a medio e longo prazo e que promovan cambios reais nas actitudes e nos comportamentos individuais e colectivos da cidadanía.

 Aproveitemos o día do medio ambiente para analizar criticamente o traballo desenvolvido ao longo do ano, identificando as eivas e os éxitos mediante un exercicio colectivo de avaliación que nos permita avanzar cara un futuro que aspire realmente a ser máis equitativo e sostible.

  Para máis información:
Miguel Pardellas (SGEA): 618 86 86 12

  (4-06-10)

 
 



Inicio| Acerca de| Contacto| EA Novas| EA Equipamentos| Grupos de traballo| Ligazóns| Documentos| Acceso Socios SGEA


        Sociedade Galega de Educación Ambiental
          SGEA - Sociedade Galega de Educación Ambiental.

          APDO. DE CORREOS 38 BERTAMIRANS- AMES- A CORUÑA
          Tel./Fax 619 484 395 Mail:sgea@sgea.org