AS ASOCIACIÓNS AUTONÓMICAS DE EDUCACIÓN AMBIENTAL CREAN UNHA FEDERACIÓN ESTATAL.
SOLICITAN UNHA ENTREVISTA COA MINISTRA DE MEDIO AMBIENTE, RURAL E MARIÑO PARA TRASLADAR A SÚA PREOCUPACIÓN POLA SITUACIÓN DE LA EDUCACIÓN AMBIENTAL
Co obxectivo de ter unha representación propia e conxunta a nivel estatal, as asociacións autonómicas de Educación Ambiental constituíron o pasado 29 de marzo a Federación de Entidades de Educación Ambiental (FEEA), da que na actualidade forman parte a Asociación de Educación Ambiental de Madrid (AEAM), a Asociación Valenciana de Educación Ambiental y Desarrollo Sostenible (AVEADS), a Red de Educadores Ambientales de Castilla y León (RED), a Societat Balear de Educación Ambiental (SBEA), a Societat Catalana de Educación Ambiental (SCEA), a Sociedade Galega de Educación Ambiental (SGEA), a Asociación para la Promoción de la Educación Ambiental de Cantabria (APEA) e a Red Foro de Educación Ambiental de Extremadura.
A constitución da Federación de Entidades de Educación Ambiental é un proceso aberto ao que gradualmente se irán incorporando as restantes entidades autonómicas de Educación Ambiental que, nestes momentos están igualmente en fase de constitución nas súas respectivas comunidades. A FEEA reúne e coordina, a través das entidades que a forman, a persoas vinculadas a organizacións ecoloxistas, colectivos de renovación pedagóxica, interpretación do patrimonio, fundacións, organismos públicos, docentes de todos os campos da educación formal e os propios educadores e educadoras ambientais que foron consolidándose socioprofesionalmente, tecendo redes multisectoriais e organizándose nas asociacións autonómicas de Educación Ambiental.
Consideramos que todos os problemas ambientais teñen a súa base en problemas sociais, polo que nunca como nestes momentos resulta máis transcendente e necesario fortalecer e potenciar a Educación Ambiental como unha das ferramentas necesarias para a resolución dos problemas socioecolóxicos. Neste marco, a Educación Ambiental mostrouse, dende fai máis de 30 años, como unha ferramenta estratéxica na consecución dos obxectivos fixados polas políticas ambientais máis ambiciosas, resultando ser sen dúbida o instrumento máis eficaz e eficiente en relación aos limitados recursos invertidos nela.
A actual situación de crise ecolóxica aguda pola que atravesa o planeta fai imprescindible a posta en marcha de políticas ambientais que mitiguen as consecuencias deste colapso no modelo de desenvolvemento. Os instrumentos sociais, destacando a Educación Ambiental, deben orientar o camiño das comunidades humanas cara o horizonte da sostenibilidade.
Unha das primeiras iniciativas da Federación de Entidades de Educación Ambiental foi a de solicitar unha entrevista coa Ministra Elena Espinosa, co fin de presentar formalmente á Federación e trasladarlle a nosa preocupación pola actual situación da Educación Ambiental, especialmente despois da reestruturación do organigrama do novo Ministerio, no que a Educación Ambiental perde claramente rango administrativo, recursos e influencia.
Así mesmo a FEEA pedirá á Ministra de Medio Ambiente e Rural e Mariño compromisos concretos sobre as súas responsabilidades en Educación Ambiental, tal e como se lle esixe a través do Libro Blanco de la Educación Ambiental en España e de todas as convencións e acordos estatais e internacionais da súa competencia.
Para máis información contactar con:
MIGUEL PARDELLAS SANTIAGO. Tf. 618 86 86 12 e-mail:sgea@sgea.org.
(16-12-08)