Sociedade galega de Educación Ambiental - Páxina principal

  

 
 













Destacados

 OS CONCELLOS GALEGOS SUSPENDEN EN EDUCACIÓN AMBIENTAL

 O 75% dos concellos galegos non contan con ningún departamento ou área dedicada á Educación Ambiental

  As Administracións locais municipais están chamadas a xogar un papel fundamental, non só como promotores ou xestores de propostas educativo-ambientais dirixidas ao conxunto da súa poboación, senón tamén como axencias educativas destinatarias desas accións e favorecedoras directas da implicación e participación da cidadanía nas súas políticas ambientais.

  Por este motivo, a finais de 2007 a Sociedade Galega de Educación Ambiental (SGEA) realizou un estudio sobre a situación da Educación Ambiental nos concellos galegos, no marco dun convenio de colaboración coa Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible da Xunta de Galicia.

  Nos últimos anos asistimos a un incremento da demanda de actividades de Educación Ambiental por parte da cidadanía, na mesma liña do aumento da preocupación por estas cuestións. Porén, semella que ate o de agora as administracións municipais galegas non están a destinar os recursos necesarios para dar resposta a esta demanda: o 75% dos concellos enquisados carecen dun departamento ou área dedicada á Educación Ambiental, mentres que no 51,9% dos casos non contan co persoal técnico dedicado a este tema.

  Non obstante, con todos os déficits anteriormente citados, a diversidade de actividades e temáticas tratadas nas iniciativas de Educación Ambiental levadas a cabo polos concellos é considerablemente elevada, destacando a realización de campañas de información, os roteiros didácticos en contornos naturais e as conferencias e charlas de temáticas ambientais.

  A vista destes datos, e no marco do proceso de dinamización da Educación Ambiental que está a promover a SGEA, consideramos preciso poñer en común estes resultados cos responsábeis das políticas ambientais municipais para poder así afondar nos puntos febles e puntos fortes identificados e avanzar na definición de liñas de acción que axuden a unha mellora das iniciativas educativo-ambientais a desenvolver nos concellos galegos.

  Con estes obxectivos desenvolveuse hoxe no Centro de Extensión Universitaria, Información e Documentación Ambiental (CEIDA), en Oleiros, un seminario de traballo que contou coa participación dos/as técnicos/as municipais con competencias en medio ambiente e Educación Ambiental.

  O seminario, ademais de servir como punto de encontro entre os profesionais, puxo de manifesto os problemas que teñen os/as técnicos/as á hora de desenvolver a súa labor nos concellos, onde a saturación de traballo e a escaseza de recursos é patente, especialmente nos menos poboados, o que esixe, sen dúbida unha diversificación na procedencia dos fondos destinados á Educación Ambiental, implicando ás empresas e outros actores sociais (comunidades de montes, asociacións de veciños, etc.).

  Así mesmo, destacouse a necesidade de artellar espazos nos que compartir experiencias e recursos para dar resposta ás necesidades identificadas e poder, ao mesmo tempo, contribuír á formación dos/as técnicos ambientais dos concellos.

  Nos próximos días a SGEA desenvolverá seminarios de traballo semellantes con empresas de Educación Ambiental –o 17 de abril–, e con profesorado –8 de maio–, co obxectivo último de dispoñer dun plan de Acción completo e participado para a Educación Ambiental na nosa comunidade.

  Para máis información: 618 86 86 12 / sgea@sgea.org (Miguel Pardellas)

  (1-04-09)

 
 



Inicio| Acerca de| Contacto| EA Novas| EA Equipamentos| Grupos de traballo| Ligazóns| Documentos| Acceso Socios SGEA


        Sociedade Galega de Educación Ambiental
          SGEA - Sociedade Galega de Educación Ambiental.

          APDO. DE CORREOS 38 BERTAMIRANS- AMES- A CORUÑA
          Tel./Fax 619 484 395 Mail:sgea@sgea.org