Sociedade galega de Educación Ambiental - Páxina principal

  

 
 













Destacados

 A EDUCACIÓN AMBIENTAL BUSCA O SEU SITIO NOS MEDIOS DE COMUNICACIÓN GALEGOS

 Só o 9% dos medios de comunicación contan cun departamento ou sección dedicada exclusivamente ao medio ambiente ou a Educación Ambiental

  Na actualidade, os medios de comunicación xogan un papel fundamental na articulación do coñecemento colectivo, converténdose nun elemento básico na interpretación que a cidadanía fai dos problemas ambientais.

  Por este motivo, a finais de 2007 a Sociedade Galega de Educación Ambiental (SGEA) realizou un estudio sobre a situación da Educación Ambiental nos medios de comunicación presentes en Galicia, no marco dun convenio de colaboración coa Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible da Xunta de Galicia.

  Non cabe dúbida de que a información de carácter ambiental ten cada vez unha maior relevancia e tamén unha maior demanda por parte da cidadanía, porén, os medios de comunicación galegos semellan non estar aínda preparados para esta situación. Datos como que só o 9% dos medios de comunicación conten cun departamento dedicado exclusivamente ao medio ambiente, ou que só un 3% conten con persoal especializado, supoñen un importante lastre na transmisión da información ambiental.

  A vista destes datos, e no marco do proceso de dinamización da Educación Ambiental que está a promover a SGEA, consideramos preciso poñer en común estes resultados co conxunto de medios de comunicación galegos para poder así afondar nos puntos febles e puntos fortes identificados e avanzar na definición de liñas de acción que axuden a unha mellora da información ambiental.

  Con estes obxectivos desenvolveuse hoxe en Santiago de Compostela, no Club Internacional de Prensa, un seminario de traballo que contou coa participación dos medios de comunicación que desenvolven a súa actividade en Galicia.

  O seminario, ademais de servir como punto de encontro entre os profesionais do sector, puxo de manifesto os problemas que teñen os/as xornalistas á hora de desenvolver a súa labor, condicionados pola urxencia do traballo e a dificultade para atopar información obxectiva e contrastábel. Así mesmo, incidiuse na necesidade de artellar espazos para a formacións dos profesionais en cuestións ambientais.

  Nos próximos días a SGEA desenvolverá seminarios de traballo semellantes con técnicos municipais –o 24 de marzo– e con empresas de Educación Ambiental –o 17 de abril–, co obxectivo último de dispoñer dun plan de Acción completo e participado para a Educación Ambiental na nosa comunidade.

  Para calquera dúbida ou consulta que desexedes facer, estamos á vosa disposición en:

  Sociedade Galega de Educación Ambiental
Travesía de García Prieto, 43, baixo. 15706 Santiago de Compostela
981 523 556 / 618 868 612 (Miguel Pardellas)             sgea@sgea.org

  (22-03-09)

 
 



Inicio| Acerca de| Contacto| EA Novas| EA Equipamentos| Grupos de traballo| Ligazóns| Documentos| Acceso Socios SGEA


        Sociedade Galega de Educación Ambiental
          SGEA - Sociedade Galega de Educación Ambiental.

          APDO. DE CORREOS 38 BERTAMIRANS- AMES- A CORUÑA
          Tel./Fax 619 484 395 Mail:sgea@sgea.org