A EDUCACIÓN AMBIENTAL: UNHA OPCIÓN PARA SAÍR DA CRISE?
Os Equipamentos e Empresas de Educación Ambiental en Galicia empregan a máis de 300 persoas en distintos proxectos
O aumento na demanda de servizos relacionados coa Educación Ambiental reflectiu nos últimos anos na creación de numerosas empresas que, ben sexa como actividade principal ou como actividade secundaria, desenvolven distintas iniciativas relacionadas co medio ambiente e a Educación Ambiental.
Así mesmo, moitas destas empresas, e outras asociacións e entidades, están a xestionar na actualidade Equipamentos de Educación Ambiental en distintos puntos da xeografía galega; equipamentos que, ademais da súa importancia na alfabetización ambiental da cidadanía, convértense en elementos estratéxicos para a dinamización social e a creación de emprego.
Á vista destes aspectos, a Sociedade Galega de Educación Ambiental (SGEA) convocou o pasado venres 17 de abril, un seminario de traballo para Empresas e Equipamentos de Educación Ambiental, no marco do proxecto que está a levar a cabo a través dun convenio de colaboración coa Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible da Xunta de Galicia.
Durante o ano 2007, a SGEA recompilou información dos distintos actores implicados na promoción da Educación Ambiental en Galicia, entre os que se atopaban as Empresas e Equipamentos de Educación Ambiental. Unha vez analizada pormenorizadamente a información cumpría traballar cos axentes implicados para promover novas dinámicas e corrixir os déficits detectados. Estes foron os obxectivos do seminario de traballo.
No eido empresarial, algúns dos déficits identificados están relacionados coa precariedade dun sector que traballa a reo con poucos recursos e escaso apoio das administracións. É por este motivo polo que se propuxo a articulación dunha asociación de empresas de Educación Ambiental que, entre outras cousas, promovera a elaboración dun rexistro de empresas de Educación Ambiental.
Por outra parte, no que respecta aos equipamentos, a Rede Galega de Equipamentos de Educación Ambiental -creada en outubro de 2007-, decidiu continuar co seu proceso de consolidación a través da creación dunha marca de calidade.
A aplicación e, sobre todo, o éxito das políticas ambientais -reciclaxe de residuos, aforro de auga e enerxía, etc.- pasa, necesariamente, por unha maior inversión en proxectos e iniciativas de Educación Ambiental que non só poden concentrarse no ensino formal. É por este motivo polo que o protagonismo das Empresas e Equipamentos de Educación Ambiental vaia en aumento nos próximos anos, e consecuentemente, os seus recursos e a súa capacidade para crear emprego.
Para máis información: Miguel Pardellas (618 86 86 12)
(27-04-09)