A SGEA CONVOCA UN NOVO SEMINARIO DE TRABALLO COS MEDIOS DE COMUNICACIÓN
O seminario terá lugar o vindeiro 17 de marzo no Clube Internacional de Prensa, en Santiago de Compostela
Na actualidade, os medios de comunicación xogan un papel fundamental na articulación do coñecemento colectivos, converténdose nun elemento básico na interpretación que a cidadanía fai dos problemas ambientais.
Por este motivo, a finais de 2007 a Sociedade Galega de Educación Ambiental realizou un estudio sobre a situación da Educación Ambiental nos medios de comunicación presentes en Galicia, no marco dun convenio de colaboración coa Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible da Xunta de Galicia.
Despois do tratamento e o análise dos datos, dende a Sociedade Galega de Educación Ambiental (SGEA) queremos poñer en común os resultados co conxunto de medios de comunicación galegos para poder así afondar nos puntos febles e puntos fortes identificados.
Con estes obxectivos, a SGEA convoca a un SEMINARIO DE TRABALLO a todos os medios de comunicación galegos, que terá lugar o vindeiro 17 de marzo en Santiago de Compostela, no Club Internacional de Prensa (Avenida da Coruña, 6 baixo).
Este seminario quere ser, sobre todo, un punto de encontro e un espazo de debate para todos os profesionais que están a traballar nos medios de comunicación e que contribúen, co seu traballo, á interpretación que a sociedade galega fai da situación ambiental.
A SGEA, como dinamizadora da Educación Ambiental na nosa comunidade, quere contribuír deste xeito á elaboración dun Plan de Acción Sectorial para a Educación Ambiental nos medios de comunicación. Para acadalo, exporemos en primeiro lugar os datos recompilados no seu momento para, a continuación definir as liñas de acción que orientarán o traballo a seguir nos próximos anos.
Para calquera dúbida ou consulta que desexedes facer, estamos á vosa disposición en:
Sociedade Galega de Educación Ambiental
Travesía de García Prieto, 43, baixo. 15706 Santiago de Compostela
981 523 556 / 618 868 612 sgea@sgea.org
(11-03-09)