ENCONTRO GALEGO DE EDUCACIÓN AMBIENTAL
A Federación Ecoloxista Galega-FEG, o grupo de investigación Pedagoxía Social e Educación Ambiental-SEPA da Universidade de Santiago de Compostela e a Sociedade Galega de Educación Ambiental-SGEA convocan o Encontro galego de educación ambiental: novos escenarios, novas miradas, que terá lugar o 25 de xaneiro de 2014.
O obxectivo é reflexionar e debater sobre a situación actual da educación ambiental en Galicia, promovendo un espazo de lectura crítica atento ás novas liñas de traballo que se están a emprender.
Búscase coñecer novos escenarios dende os que se están a desenvolver diferentes iniciativas baixo denominacións que non sempre aluden á educación ambiental, pero que entroncan cos seus fundamentos. Por iso, se estás a participar nunha experiencia innovadora e pensas que é interesante compartila, animámoste a enviar a túa proposta (https://docs.com/YSBM).
A participación é gratuíta, aínda que require dunha inscrición previa (https://docs.com/YSBN) para facilitar a organización do encontro. Ambos formularios, de inscrición e de experiencia, deben enviarse antes do 10 de xaneiro a encontro.ea@gmail.com.
O encontro celebrarase no Centro de Interpretación Ambiental de Compostela, sito na acolledora contorna do Parque de Belvís (R/Camiño da Ameixaga, s/n).
Agradécese que poidades darlle a maior difusión ao evento, compartíndoo con quen pensedes que lle pode interesar. Tamén serán benvidas as mostras de disposición para botar unha man na organización o día do encontro.
Tedes toda a información na páxina www.facebook.com/EncontroGalegoEA, que se empregará como plataforma para ir actualizando a información do evento.
Unha boa forma de empezar o ano para a educación ambiental en Galicia
Animádevos a participar!
DESCARGAR MEMORIAS DO ENCONTRO
Imaxes do encontro
|