Sociedade galega de Educación Ambiental - Páxina principal

  

 
 













XIV ENCONTRO DA SGEA


Granxa Arqueixal, ecoagroturismo (Albá, Palas de Rei)
26 e 27 de xaneiro de 2013

Ver Imaxes do Encontro

A Sociedade Galega de Educación Ambiental (SGEA) é a entidade profesional que agrupa ás educadoras e educadores ambientais de Galiza, co obxectivo de promover a educación ambiental no noso país e avanzar desde unha perspectiva colectiva e plural na construción dunha sociedade máis xusta, respectuosa e responsábel co ambiente.

Dentro das actividades que vén desenvolvendo desde hai máis de 10 anos, a SGEA programa periodicamente uns ENCONTROS abertos, onde nos reunimos as socias, os socios e toda persoa con intereses ambientais que queira acompañarnos, a fin de pasar unhas xornadas distendidas e con bo ambiente, descansando e gozando da compaña colectiva, coñecendo in situ un equipamento de educación ambiental, realizando rutas interpretativas por espazos de interese patrimonial ou ambiental da zona, asistindo á presentación de novos materiais sobre educación ambiental, etc.

O vindeiro ENCONTRO da SGEA, que será xa o décimo cuarto, realizarase (logo de máis de 15 meses do anterior, en Lodoselo) os próximos sábado 26 e domingo 27 deste mes de xaneiro, na granxa Arqueixal, ecoagroturismo, localizada na pequena parroquia palesa de Santiago de Albá, preto do camiño francés de Santiago e no cerne dunha das comarcas interiores máis auténticas e fermosas do país -a Ulloa-, ben definida polo río que lle dá nome.

Arqueixal (arte de facer o queixo), é unha empresa familiar dedicada á explotación de vacún para leite, que nos anos 80 foi a primeira explotación galega en producir lácteos en ecolóxico. Hoxe produce leite fresco, iogur e queixo Arzúa-Ulloa, en convencional ou en ecolóxico, e con distribución en circuíto curto. Pero debido ao seu activo compromiso cun desenvolvemento rural e agrario sustentables desde o punto de vista ecolóxico, económico e social, Arqueixal desde hai anos vense embarcando noutros proxectos, complementarios á explotación gandeira (rehabilitación da aldea e da paisaxe, custodia do territorio, turismo rural, museo da casa de aldea, programa de dinamización rural Son d’Aldea, centro social O parladoiro, materiais educativos polo rural, etc.) que a converten, pese ao seu pequeno tamaño, nunha das granxas máis coñecidas e recoñecidas no país. En definitiva, un equipamento cun implícito espírito educativo-ambiental que nós, como profesionais do sector, non podemos deixar de coñecer.

Por iso a directiva da SGEA quere convidarvos a todas e todos a participar e acompañarnos nesta xeira a vindeira fin de semana. Se aínda non estás apuntado/a, manda un correo-e cos teus datos básicos a francisco.candia@usc.es. O prezo (un máximo de 20 euros, que se pagan alí) inclúe cea do sábado, durmida e almorzo do domingo; se prefires só quedar a cear, tamén podemos amañalo. Anímate!

Aproveitaremos esta fin de semana que estamos xuntas/os para celebrar, o sábado pola tarde, a asemblea anual da SGEA correspondente á anualidade 2012, que aínda tiñamos pendente.

A continuación presentamos o programa de actividades, aproximado, pois pode sufrir sobre a marcha algunha modificación, sempre que beneficie ás e aos participantes. Vémonos en Albá.

 

 

PROGRAMA

SÁBADO 26
11:30 Recepción na granxa Arqueixal (Albá, Palas de Rei). Como chegar: en pleno camiño francés, no centro da vila de Palas de Rei, coller dirección Monterroso, e a 1 km, desviación á dereita cara a Albá; a 2 km, seguindo sempre na principal, atopades o indicador de Arqueixal (máis info en www.arqueixal.com/agro/onde.htm). Por dar unha referencia, Compostela-Palas non leva ben 1 hora en coche.
12:00 Percorrido por todas as instalacións de Arqueixal a cargo de Xosé Luís, o seu responsable, e presentación do proxecto: bases, historia, actividade, iniciativas de educación ambiental e materiais en preparación.
14:00 Foto de grupo, co gallo do Día Mundial da Educación Ambiental (26 de xaneiro), para enviar á FEEA e aos medios de comunicación, denunciando a situación da EA e dos seus equipamentos a nivel galego.
14:30 Xantar, nunha das casas de turismo rural de Arqueixal, segundo o típico sistema na SGEA de bocadillo/contubernio comunal, así que traede as vosas viandas, que se queredes poderedes socializar.
16:00 Asemblea anual ordinaria da SGEA, conforme a convocatoria que se vos enviou o pasado día 11. Será no parladoiro de Arqueixal, e está previsto que dure entre 2 e 3 horas. A posteriori teremos debate dunha serie de cuestións de certa importancia para a asociación que debemos acordar, xa fóra de asemblea:

  1. A posición da SGEA respecto da Federación Estatal de Equipamentos de Educación Ambiental. Presenta: Boli.
  2. A participación da SGEA en Fiare e Banca Popolare Ética. Presenta: Miguel.
  3. A situación da investigación en curso sobre a actualidade das e dos educadores ambientais en Galiza. Presenta: Pablo.
  4. O estado dos equipamentos de EA, o macromausoleo de Ourense (é dicir, C.I. dos Parques Naturais de Galiza) e a santa sé de Vigo (é dicir, C.I. do P.N. das Illas Atlánticas). Presenta: Antón.
  5. Algún outro debate que haxa tempo de encetar.

21:00 Cea. Arqueixal sírvenos un menú completo, invernal e ecolóxico, nunha das súas casas, a base de produtos da zona (caldo de grelos, xarrete, e queixo e iogur con marmelada). Se alguén desexa un menú vexetariano, que avise a Fran.
22:30 Tempo libre e descanso. Algunha mente privilexiada da SGEA se cadra organiza algunha actividade para a noite, e se non, directamente a descansar (xa sabedes que quedamos a durmir nas casas de turismo rural de Arqueixal, así que só tedes que traer pixama e útiles de aseo, e por suposto botas de montaña e boas prendas de abrigo, pois a previsión para a fin de semana é de auga e frío a eito).

DOMINGO 27
08:30 Almorzo. Tomaremos nunha das casas produtos da granxa (leite, iogur, queixo, galletas, marmelada, etc.). Despois de recoller todo, despedímonos de Arqueixal.
09:30 Percorrido pola Ulloa. Colleremos xa todos os coches para dar unha voltiña pola comarca, deténdonos na Eira da Xoana (http://eiradaxoana.blogaliza.org), o equipamento de educación ambiental que ADEGA posúe na Ulloa (Marcial e Curra explicarannos o proxecto e a súa historia). Infelizmente non poderemos visitar nesta ocasión a iniciativa empresarial Milhulloa (www.milhulloa.es), de plantas medicinais e aromáticas e cosmética (non están as propietarias). Como aínda serán as 11 da mañá poderiamos visitar, a gusto das/dos participantes, diferentes elementos de interese patrimonial, ambiental ou empresarial desta espectacular zona do país (a escoller:o  castelo de Pambre -aberto de 11 a 13 e de 16 a 20 hrs.-, a igrexa de Vilar de Donas, a Granxa Maruxa en Monterroso, os espectaculares torrentes de Mácara, o Balneario de Pambre, A Casa da Terra, etc.), ou mesmo facer algunha pequena ruta a pé, das moitas que alí hai. Sinteticamente, o que se pode ver na Ulloa: www.arqueixal.com/agro/entorno.htm).
14:30 Xantar. Os establecementos de restauración da zona presentan unha oferta diversificada; barallamos algunhas propostas, pero decidiremos sobre a marcha, en virtude das preferencias das/dos participantes que queiran quedar.
17:00 Despedida. E ata o vindeiro Encontro.

 

 

Por suposto todo o mundo pode traer acompañantes, que serán benvidos/as, e claro está, sería bo que difundirades este encontro entre as vosas amizades, sexan ou non activas na educación ambiental. Albá é un lugar agradable, rural e tranquilo, no que merece a pena estar, aínda que só sexa para pensar nos biosbardos.

Por certo, non esquezades que estaremos nunha granxa que ten á venda leite, iogur, queixo, mel, galletas mariñeiras e marmeladas variadas (case todo en ecolóxico), así que intentade non portar ningún destes alimentos, para mercalos alí mesmo e contribuír á causa. Botádelle un vistazo á súa web (www.arqueixal.com).

Máis información en www.sgea.org

 

       

 
 



Inicio| Acerca de| Contacto| EA Novas| EA Equipamentos| Grupos de traballo| Ligazóns| Documentos| Acceso Socios SGEA


        Sociedade Galega de Educación Ambiental
          SGEA - Sociedade Galega de Educación Ambiental.

          APDO. DE CORREOS 38 BERTAMIRANS- AMES- A CORUÑA
          Tel./Fax 619 484 395 Mail:sgea@sgea.org