Sociedade galega de Educación Ambiental - Páxina principal

  

 
 













VI XORNADAS DA SGEA

ARTE, CULTURA E EDUCACIÓN AMBIENTAL: CONXUGANDO A CRÍTICA E A ESTÉTICA

VENRES 27 E SÁBADO 28 DE NOVEMBRO DE 2009




    

  Presentación:

  Temos a convicción de que a relación que existe entre a Educación Ambiental e as expresións artísticas da lugar a estratexias didácticas de gran potencial comunicativo con capacidade para lograr transformacións na sociedade que posibiliten encarar as problemáticas sociais e ambientais.

  A Educación Ambiental nútrese dos aportes teóricos de múltiples disciplinas e das accións educativas de numerosos grupos docentes, ecoloxistas, cooperantes, artistas e críticos que promoven a complexa tarefa de valorar a protección do medio biofísico, así como a de comprometerse coa transformación dos modelos sociais que son depredadores en todos os sentidos. Neste momento, queremos poñer o acento nunha Educación Ambiental que contribúa ao desenvolvemento de accións educativas máis creativas e que faga posíbel a xeración de competencias na responsabilidade ambiental a través das expresións artísticas.

  A relación entre a Educación Ambiental e a cultura das artes, máis alá da acción creativa e da intencionalidade comunicativa, constitúe unha conxunción necesaria para ampliar o abano de ferramentas e metodoloxías a utilizar. Creemos que posibilitar esta combinación reforzará os posicionamentos críticos que son capaces de facer máis visíbeis as contradicións dos modelos socioeconómicos onde domina o mercado e o consumo desmedido.

  Por todo isto, a Sociedade Galega de Educación Ambiental propón para as súas VI Xornadas, un diálogo colectivo no que as complexas e transversais realidades artísticas e educativas poidan intercambiar ideas e proxectos de futuros posíbeis.

  Obxectivos:

  - Servir de punto de encontro para as educadoras e educadores ambientais de Galicia.

  - Mellorar o intercambio de ideas entre os sectores artístico e educativo preocupados pola crise social e ambiental.

  - Proporcionar algunhas claves para o desenvolvemento de proxectos nos que conxugar Arte, Cultura e Educación Ambiental.

  Presentación de traballos

  As VI Xornadas da SGEA proporcionan un espazo onde COMPARTIR EXPERIENCIAS DE EDUCACIÓN AMBIENTAL que, nesta ocasión, centraranse no uso de expresións artísticas para a consecución dos obxectivos da Educación Ambiental. Para poder comunicar a túa experiencia educativa deberás inscribirte nas Xornadas e cumprimentar o apartado de PRESENTA COMUNICACIÓN DE EXPERIENCIA.

  1. Estructura da comunicación: enviar unha breve presentación da mesma que precise entre 500 e 1000 palabras, onde apareza o título e o nome da persoa responsable da mesma.

  2. O prazo de envío do resumo rematará o 20 de novembro (informarase das comunicacións aceptadas o 24 de novembro).

  3. O tempo de exposición será aproximadamente de 10 minutos, salvo axustes de organización en función do número de persoas que se animen a presentar os seus traballos.

  4. Os resumos deben ser enviados, xunto coa ficha de inscrición, a sgea@sgea.org

 * habilitarase un espazo no lugar das xornadas onde expoñer instalacións e exposicións relacionadas co Medio Ambiente e a Educación Ambiental

  Triptico VI Xornadas                Inscrición VI Xornadas

 
 



Inicio| Acerca de| Contacto| EA Novas| EA Equipamentos| Grupos de traballo| Ligazóns| Documentos| Acceso Socios SGEA


        Sociedade Galega de Educación Ambiental
          SGEA - Sociedade Galega de Educación Ambiental.

          APDO. DE CORREOS 38 BERTAMIRANS- AMES- A CORUÑA
          Tel./Fax 619 484 395 Mail:sgea@sgea.org